Blogia
soutelodemontes

A firma IMAR asentada no polígno de Vilapouca recibe a un membro da familia real de Qatar ata onde expande o seu negocio

A firma IMAR asentada no polígno de Vilapouca recibe a un membro da familia real de Qatar ata onde expande o seu negocio

Asentada no polígono industrial de Vilapouca, no Concello de Forcarei, a empresa IMAR Enxeñaría Modular S.A. atópase traballando con intensidade na apertura da súa produción ao mercado de Qatar. A firma, especializada na fabricación de armarios a medida e o deseño modular, deu os seus primeiros pasos en 2003, integrada nun grupo empresarial consolidado en sectores afíns á construción e á industria. As súas pretensións de expansión no citado país de Oriente Medio recibiron onte unha simbólica lombeirada coa visita que unha delegación encabezada por un integrante da familia real qatarí realizou ás instalacións de IMAR no citado parque empresarial forcaricense.
Fontes da empresa informaron de que a fábrica ten expostos algúns artigos da súa produción nunha mostra de 200 metros cadrados que unha firma afín ao grupo de IMAR ten aberta en Doha, a capital de Qatar. Por mor desta iniciativa, a citada delegación encabezada por un familiar vinculado á casa real qatarí quixo coñecer de primeira man as instalacións desta empresa, presumiblemente a fin de constatar a súa capacidade de fabricación. Ao termo deste percorrido, a comitiva desprazouse até as dependencias de Vidrogal, firma vinculada á fabricación e transformación de vidro tamén pertencente ao grupo da citada empresa de deseño modular e instalada no polígono de Vilapouca.
Traballo
IMAR Enxeñaría Modular S.A. baralla xa diversos proxectos para a súa execución no país árabe. En concreto, desde a empresa indicouse que se atopan xa bastante avanzados os orzamentos para actuacións vinculadas a dous hoteis en Qatar, unha torre comercial e de vivendas e un cuarto proxecto relacionado cunha zona residencial con vivendas unifamiliares e integrada por 86 vilas. Do mesmo xeito fíxose fincapé en que se trata dun mercado que demanda produtos de gama alta, un mobiliario confeccionado a medida para o cliente e en colaboración con estudos de arquitectura de primeiro nivel que se atopan desenvolvendo proxectos neste estado.
A expansión cara ao mercado exterior que promove esta industria forcaricense permitiralle manter unha importante carga de traballo a pesar da actual situación de recesión económica. Non en balde as previsións da empresa para o presente exercicio permítenlle augurar resultados similares aos alcanzados en 2008, anualidade na que a firma se moveu nunhas cifras de facturación ao redor dos 2,5 millóns de euros. A compañía experimentou desde o seu nacemento ao peche de cada exercicio unha tendencia constante ao crecemento, de modo especial nos últimos anos.
IMAR dispón na súa planta de Forcarei dunhas modernas instalacións e de recursos necesarios para dar solucións ás necesidades mais esixentes. A empresa conta na actualidade con 25 traballadores directos e outros 12 indirectos. Unha maquinaria de última xeración, así como ERP parametrizado a medida, permítelle reducir os prazos de entrega, ademais de coordinar, optimizar e mellorar o seu sistema de produción

0 comentarios