Blogia
soutelodemontes

Adeus Virxilio

Adeus Virxilio

Hoxe deixounos outro dos nosos desta vez trátase de Virxilio Vieitez Bértolo,un grandioso fotógrafo é un home moi coñecido en toda a bisbarra,a súa perda supón a desaparición dun gran home que depois de traballar de mecánico decidiu adicarse en pleno a fotografía.Vivía en Soutelo onde no que ata agora foi o seu fogar se atopa depositado,a saida para o entierro será mañá Mércores as 17:00 horas Virxilio Viéitez naceu en Soutelo de Montes no ano 1930. Traballou, antes de se dedicar ó mundo da fotografía profesional, nas obras do aeroporto de Santiago de Compostela, con 16 anos de idade, e despois na zona do Pirineo aragonés, con 18, onde traballa nos teleféricos. Aí toma o seu primeiro contacto co mundo da fotografía, mercando unha Kodak de formato 6 x 9. No ano 1949 volve de vacacións a Soutelo. Con posterioridade trasládase a Palamós e comeza a traballar como empregado do fotógrafo Pallí, co que aprende o manexo da cámara e o traballo do laboratorio. Chega a facer algúns traballos dirixidos á publicación "La Vanguardia". Aproveita tamén o boom turístico da Costa Brava para facer retratos ós turistas que querían levar unha lembranza de España.

 

       No ano 55 ten que volver a Galicia por se atopar súa nai enferma, e uns meses despois, ó morrer esta, ten que ir facer o servicio militar á Coruña, estando xa casado. 

 

       No 57 reemprende o traballo fotográfico en Soutelo, cambia a cámara Retina por unha Rollei e despois incorpora unha Voigtlander. Comeza a traballar arreo por toda a comarca de Montes (Beariz, Pedre, Avión, Millerada, San Marcos, Sanguñedo, A Barcia, etc). Tamén exerce de corresponsal de El Pueblo Gallego e da emisora Voz de Vigo.

 

       Dentro da súa actividade ocupan lugar importante os retratos para o carné de identidade e os casamentos. En 1967 mercou un seat 1500, o "coche das noivas, que non podían ir nun 600". Na década dos 70 introdúcese a cor nos seus traballos, aínda que el prefire ó branco e negro, que lle permite encadrar e traballar posteriormente a fotografía.

 

       Nos 80 abandona toda actividade fotográfica e cede o relevo á súa filla Keta. Esta é a responsable, no ano 1997, do descubrimento do labor de seu pai, tras organizar unha exposición en Soutelo que amosa un centenar de fotografías de Virxilio, e que será vista por Manuel Sendón e Suárez Canal, os que tratan por tódolos medios de que a obra do soutelán sexa coñecida non só en Galicia, senón en todo o mundo.

 

       A obra de Virxilio está composta sobre todo por imaxes realizadas no exterior (hortas, rúas e estradas, prazas, o campo). Esto daba lugar a resultados insólitos pero harmoniosos na composición. Nas fotografías de estradas, reforzábase considerablemente a presencia do suxeito retratado, situado no centro da imaxe, outorgándolle un maior impacto visual provocado pola sensación de espacio baleiro que xeraba.

 

       Coida sempre con atención os fondos e os diferentes elementos que introduce, así como a posición do suxeito e a relación entre eles se son varios. Non resulta estraña a inclusión de animais domésticos coma a cabra, o gato ou o can, pero o que si resulta sorprendente é o xeito en que o fai, mesturándoos cos retratados vestidos de festa.

 

       Noutras ocasións o papel dos animais é suplido por outros elementos, sendo frecuente que fixese posar ás mulleres, nos retratos individuais, con algún obxecto nas mans, xa for un ramo de flores, un costureiro ou unha carteira. A importancia que para Virxilio tiña a escenificación, que controlaba con grande sensibilidade, non daba lugar a imaxes sofisticadas, gratuítas ou recargadas. A súa forza estaba na súa sinxeleza, a pesar do inusitadas que resultasen algunhas delas.

 

       Cómpre reparar tamén no gran número de fotografías que constrúe introducindo como fondo os monumentais Chevrolets, Pontiacs, Fords ou Cadillacs que os emigrantes traían das Américas, como novidade e luxo que resultaba atractivo incluír nas fotografías. Tamén incluía autobuses coma o Numancia ou La Montañesa, e mesmo a súa propia motocicleta, que aparece en gran número de instantáneas. A través delas mesmo se pode ir comprobando o cambio da sociedade, no feito do propio cambio dos coches americanos polos europeos, e máis tarde a irrupción dos mil cincocentos e dos seiscentos españois.

 

       Se a escenificación é importante, non o é menos a gran capacidade de Virxilio para captar a expresión das xentes que fotografa, obtendo imaxes dunha extraordinaria vida. Atopamos expresións de tristeza -as condicións de vida naqueles tempos non eran para menos, non deixa de ser a mesma sociedade que Chano Piñeiro retrata en "Sempre Xonxa"-, de desconfianza, e nalgún caso de satisfacción, pero todas elas acompañadas dunha seriedade que, unida á coidadosa elección da vestimenta, mostra o respecto que tiñan naquel momento polo acto de se retrataren, un acto absolutamente excepcional e trascendente, tendo un significado moi diferente ó de hoxe, como Virxilio di: "agora é distinto porque en cada casa hai unha máquina".

 

       O gran dominio que tiña do retrato permitíalle acadar as imaxes que obtiña tirando normalmente un só negativo por retrato, sendo raros os casos en que tira dous fotogramas. O control que el exercía sobre os suxeitos e a capacidade para prever os resultados era total, "o cliente non tiña voz, o único que lle interesaba era saír guapo e non se preocupaba para nada do fondo da imaxe, eles mesmos preguntaban onde se tiñan que pór. Non era como agora, quen mandaba era o fotógrafo, era como un notario". Efectivamente, Virxilio é un dos mellores notarios do mundo da emigración e das súas tráxicas consecuencias para a desmembración das familias e do desleixamento dun mundo que xa non podemos ollar se non é nas súas fermosas e testemuñais fotografías.

       Virxilio foi recoñecido xa á altura de fotógrafos como Ksado ou Manuel Ferrol, porque entre outras cousas, e como ben resalta Manuel Sendón, a pesar do gran número de cámaras que hoxe en día existen e malia o gran número de fotografías que hai en todas as casas, moito tememos que ningunha comarca quedará neste momento tan claramente reflectida nas súas coordenadas de espacio e lugar como o foi a Terra de Montes neste período por Virxilio Viéitez.ial as 17:30.D.E.P.

0 comentarios